miércoles, 21 de noviembre de 2007

El Consejo Gallego de Universidades aprueba las líneas generales para la implantación de títulos de Grado y Posgrado

Publicado en http://firgoa.usc.es/drupal/node/37732

Consello Galego de Universidades: Liñas xerais para a implantación dos Estudos de Grao e Posgrao no Sistema Universitario de Galicia.

Documento do Consello Galego de Universidades, aprobado no pleno do 5 de novembro de 2007

1. Introdución

O proceso de construción do Espazo Europeo de Educación Superior, que se estenderá ao longo dos próximos anos, leva aparellada unha nova organización das ensinanzas universitarias, nos seus diferentes niveis.

Este proceso deberá propiciar a articulación dunha combinación axeitada de capacidades e competencias, a partir de programas universitarios deseñados e artellados de xeito que os futuros titulados e tituladas acaden unha formación sólida e completa. Falamos dunha oferta de titulacións e de programas formativos, decididamente innovadores nos que, ás capacidades disciplinares, se sumen outras de carácter mais amplo relacionadas coas demandas do mercado laboral.

O Ministerio de Educación e Ciencia fixo públicos, con data 26 de setembro, 21 de decembro de 2006 e 15 de febreiro de 2007, tres documentos de traballo coas directrices xerais para a elaboración de títulos universitarios de grao e master de acordo coas liñas xerais emanadas do Espazo Europeo de Educación Superior.

O 26 de outubro de 2007, aprobouse o Real Decreto 1393/2007 polo que se que establece a estrutura das ensinanzas universitarias oficiais españolas (Grado, Máster y Doctorado), norma que regula os aspectos básicos da ordenación das titulacións universitarias e o procedemento de verificación e acreditación que deben superar os planos de estudio e o 21 de agosto publicouse no BOE a Orde ECI/2514/2007 de 13 de agosto sobre expedición de títulos universitarios oficiais de Master e Doutor polas Universidades españolas en todo o territorio nacional, na que se regula a denominación e procedemento de expedición dos mesmos.

Este Real Decreto 1393/2007 norma concreta e perfila cuestións xa contempladas nos documentos anteriores. Resumimos os aspectos máis salientables:
1.- No artigo 3.4 indícase que os planos de estudios deben ser verificados polo Consejo de Universidades e a súa implantación debe serautorizada pola correspondente Comunidade Autónoma.
2.- O artigo 5 fixa os créditos europeos, ECTS, como unidade de medida do haber académico e marca as pautas para facer efectiva a mobilidade dos estudiantes.
3.- O Capítulo II (Artigos 8, 9, 10 e 11) fixa a estrutura das ensinanzas universitarias conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional en tres ciclos, denominados respectivamente Grado, Máster y Doctorado. Tamén establece a finalidade de cada ún dos ciclos e a denominación dos títulos.
4.- O Capítulo III está centrado nas ensinanzas universitarias oficiais de grao.
a) Do artigo 12, podemos destacar:
i. Títulos de grao con 240 créditos, nos que se incluirá toda a formación teórica e práctica que debe adquirir o estudiante (non afecta esta norma ás titulacións con directivas comunitarias propias).
ii. Obriga de elaboración e defensa dun traballo fin de grao cunha extensión comprendida entre 6 e 30 créditos. Deberá realizarse “na fase final do plano de estudios e deberá estar orientado á avaliación de competencias asociadas a titulación”.
iii. Adscrición de cada título a unha das cinco grandes ramas do coñecemento.
iv. Necesidade de incluír no título 60 créditos de formación básica, dos que alomenos 36 deberán estar vinculados a algunhas das materias previamente establecidas (Anexo III do RD) para a rama de coñecemento do título e os restantes, ata 60, teñen que concretarse en materias básicas de calquera das ramas.
v. Extensión máxima de 60 créditos para as prácticas externas que deberán ofertarse preferentemente na segunda metade do plano de estudios.
b) O Artigo 13 establece as directrices para a transferencia e recoñecemento de créditos entre distintas titulacións e universidades.
c) O Artigo 14 establece as condicións de acceso e a obriga das universidades de dispor de sistemas de información e procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso para facilitar a súa incorporación ás ensinanzas universitarias correspondentes, coa obriga de dispor de servizos de apoio e asesoramento para estudantes discapacitados con necesidades educativas específicas.
5.- O Capítulo VI está centrado nos procesos de verificación e acreditación dos títulos:
a. As universidades solicitarán ao Consejo de Universidades a verificación dos títulos, de acordo cos procedementos, protocolos e guías de verificación establecidos pola ANECA.
b. O “Consejo de Universidades” enviará a proposta á ANECA para a súa avaliación por una Comisión formada por expertos da rama de coñecemento correspondente, designados pola ANECA.
c. Unha vez verificado o plan de estudios e autorizada a súa implantación pola Comunidade Autónoma, será inscrito no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos por acordo do Consejo de Ministros, publicado no BOE.
d. Co fin de comprobar que o plan de estudios conducente á obtención dun título, se está levando a cabo de acordo co especificado na proposta para a verificación, os títulos inscritos deberán someterse a avaliación cada 6 anos, para renovar a súa acreditación. Este informe de acreditación deberá ser efectuado pola ANECA ou polos órganos de avaliación que determinen as Comunidades Autónomas.
6.- A Disposición Adicional Primeira establece que a implantación poderá realizarse de maneira simultánea, para un ou varios cursos, ou progresiva, de acordo coa temporalidade prevista no correspondente plan de estudios. Así mesmo establece que no curso académico 2010-2011 non poderán ofertarse prazas de novo ingreso en primeiro curso para as actuais titulacións
7.- A Disposición Transitoria Primeira refírese á implantación de novas titulacións no curso académico 2008-2009, e establece que as solicitudes presentadas ao Consejo de Universidades, con anterioridade ao 15 de febreiro de 2008, deberán de verificarse no prazo máximo de tres meses.
8.- O Real Decreto inclúe un ANEXO I co modelo de memoria para a solicitude de títulos oficiais. Este modelo inclúe dez apartados cos correspondentes subapartados:
1. Descrición do título
2. Xustificación
3. Obxectivos
4. Acceso e Admisión de estudantes
5. Planificación das ensinanzas
6. Persoal académico
7. Recursos materiais e servizos
8. Resultados previstos
9. Sistema de garantía da calidade
10. Calendario de implantación
Polo que respecta á lexislación autonómica aplicable, hai que ter en conta:
- A Lei 11/1989, de 20 de xullo, de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia (DOG nº 156, de 16 de agosto) que nos seus artigos 8 e 9 regula diferentes aspectos relativos a titulacións e que no artigo 10 atribúe á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as competencias en materia de coordinación e planificación do SUG.
- A Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades, a cal establece no seu artigo 5º j) como competencia do mesmo “emitir informe sobre as propostas de implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional”.
- O Decreto 259/1994, do 29 de xullo (DOG nº 157, de 16 de agosto), que regula o procedemento de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorizacións de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia.
- O Decreto 270/2003, do 22 de maio (DOG nº 107 do 4 de xuño), que regula a ACSUG, órgano a quen corresponden, no ámbito da Comunidade Autónoma, as funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.
- O Decreto 66/2007, do 29 de marzo (DOG nº 73, 16 de abril de 2007) polo que se establece o procedemento de autorización e implantación de estudos de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de master ou de doutor ten por obxecto regular un novo marco procedimental para que as universidades galegas, no ámbito da súa autonomía e coa maior flexibilidade, poidan definir a organización, estrutura e contidos dos estudos oficiais universitarios de posgrao que consideren implantar, así como obter a garantía de que a oferta destas ensinanzas e títulos oficiais responde a criterios de calidade e a unha adecuada planificación.
- A Orde do 20 de xullo de 2007 (DOG nº 151, 16 agosto 2007) pola que se aproban os modelos do procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de master ou de doutor.

2. Obxectivos

Este documento pretende marcar as pautas para o tránsito da situación actual ao novo escenario marcado polo real decreto.

O deseño da nova oferta de titulacións e especialidades no Sistema Universitario de Galicia, ademais de perseguir o obxectivo irrenunciable da transmisión do coñecemento, debe enmarcarse nun sistema mais aberto, diverso e versátil, que permita e favoreza unha mellor adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante en esixencias e capacidades e que facilite e promova a formación ao longo da vida que demanda a sociedade actual.

Este dobre obxectivo, encamiñado a favorecer a mobilidade e as oportunidades laborais dos nosos titulados no mercado laboral europeo,constitúe un reto máis para as nosas universidades, que deberán ser quen de aproveitar o proceso de harmonización europea para artellar unha oferta pertinente e en liña cas demandas sociais, salientando, cada unha, o seu perfil diferenciado e optimizando as súas capacidades. É un deber de todos, administracións e universidades, tras un debate aberto no que participen os axentes sociais e económicos, configurar unha oferta atractiva e competitiva, que dea resposta ás expectativas de formación e de emprego da nosa mocidade.

A implantación dos estudos de grao e posgrao requirirá unha análise das necesidades tanto materiais como de recursos humanos que no seu caso poderían ser precisos para avanzar neste proceso.

3. Liñas xerais para a aprobación de títulos de grao polo Consello Galego de Universidades

Este apartado contén as recomendacións que o Consello Galego de Universidades establece para a elaboración dos planos de estudo e o seu informe posterior.

O proceso de implantación dos novos títulos de grao debe permitir o deseño dunha oferta global cun eficiente aproveitamento dos recursos -os existentes e aqueles que será necesario dotar para a adaptación ao EEES para mellorar a calidade do SUG. É necesario tender, aínda que isto se teña que facer de forma gradual, a unha oferta o mais completa e versátil posible e, ao mesmo tempo, diminuír as repeticións dentro do SUG e eliminar as redundancias dentro dunha mesma universidade. Sempre que sexa posible, acordarase por unanimidade no seo do Consello.

Aínda que é necesario configurar unha oferta dinámica, a primeira fase contemplará exclusivamente a adaptación da oferta actual no Sistema Universitario de Galicia ás directrices (xerais ou propias) fixadas no novo marco lexislativo. De acordo coas previsións e calendario do Ministerio esta fase se iniciaría no ano 2008 de xeito que no ano 2010 todas as titulacións actuais estarían xa en pleno proceso de conversión.

Unha vez completada esta fase de tránsito aos títulos de grao se estudarían propostas de novas titulacións, dándolle prioridade a aquelas quecompleten a oferta existente nese momento.
So en casos excepcionais, de especial importancia para Galicia, podería contemplarse a implantación dalgunha titulación ex-novo nesta primeira fase, se existe acordo unánime entre as universidades do SUG e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3.1. Adaptación da oferta actual do SUG

Non poderán autorizarse títulos repetidos, ou cunha alta coincidencia en obxectivos e contidos, nunha mesma universidade. Si se cumpren os requisitos de viabilidade e número mínimo de estudantes, pode contemplarse a autorización da adaptación dos correspondentes graos a un título único con impartición en máis dun campus.

O Consello Galego de Universidades non é partidario en xeral de duplicacións de titulacións actuais únicas no SUG e aproveitará o proceso de converxencia ao Espazo Europeo de Ensino Superior apoiando as universidades do SUG para resolver cantas dificultades de transformación poidan xurdir, especialmente cando se trate de reducir duplicacións. Nestes casos poderían considerarse itinerarios diferenciados nas distintos universidades, sempre e cando exista acordo das institucións implicadas tomando como base os alumnos e alumnas matriculados en cada unha delas e procurando diferenciar os contidos das novas titulacións ao máximo, de xeito que a adaptación supoña na práctica unha ampliación da oferta académica. En todo caso esixirase o cumprimento do número mínimo de matriculados para garantir a viabilidade dos títulos.
De igual xeito, se a demanda o xustifica, as Universidades poderán plantexar a posibilidade de transformación de títulos existentes en máis dunha universidade a un título interuniversitario único que podería ter ou non itinerarios específicos. En todo caso, o título estaría suxeito ás garantías de viabilidade esixidas neste documento. Se existise acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as Universidades poderían resolverse multiplicidades do sistema mediante a implantación de titulacións non existentes no SUG.

3.2. Demanda

O Consello Galego de Universidades autorizará aqueles títulos de grao que resulten da transformación de títulos actuais nos que a media do número de alumnos de novo ingreso nos últimos tres anos fora superior a 25.

No caso de titulacións actuais cun número de alumnos próximo ao establecido no apartado anterior, o Consello Galego de Universidades poderá estudar as súas propostas de transformación no caso de títulos cunha ampla tradición no ámbito dos países do EEES, e que polas súas características non sexan susceptibles de confluír nun título común con outros títulos. Estas propostas deberán incluír tamén un plan de viabilidade no que se fará a previsión de demanda, e a descrición de medios materiais adecuados e dunha considerable capacidade docente e investigadora (en termos de persoal docente estable). Este plan de viabilidade será aprobado polo Consello Galego de Universidades previa avaliación e informe favorable da ACSUG. Farase seguimento anual do cumprimento do plan pola ACSUG, que informará ao Consello Galego de Universidades sobre o mesmo. Non acadar os obxectivos propostos no devandito plan de viabilidade será causa suficiente de informe negativo no proceso de acreditación do título.

O Consello Galego de Universidades, en todo caso, poderá considerar outros indicadores tales como taxas de Graduación, Abandono e Eficiencia previstas.
A autorización dun título de grao “ex novo” requirirá dunha xustificación detallada do número esperado de alumnos coas prospeccións, estudos e análises correspondentes. Para a súa aprobación, o número mínimo de alumnos e alumnas de novo ingreso previstos non pode ser inferior a 40.

3.3. Estrutura e especialidades

Co fin de facilitar a mobilidade efectiva e a transferencia e recoñecemento de créditos establecida no Artigo 13 do RD 1393/2007, de 29 de outubro, como norma xeral, os 36 créditos vinculados deben repartirse nun mínimo de catro materias básica da rama de coñecemento. En caso contrario debe de engadirse a solicitude previa de autorización para a adaptación do título un escrito adicional no que se xustifique a imposibilidade de incluír as catro materias básica da rama de coñecemento.

O título de grao implica unha formación básica que habilita aos titulados e tituladas para incorporarse ao mercado laboral, polo que debe ter basicamente un formato de troncalidade común para todos eles; por iso, salvo circunstancias excepcionais existirá un único itinerario para cada grao cunha oferta de materias optativas centrada na segunda metade do plano de estudos que non superará o 15% dos créditos que conducen a obtención do título. O que significa que para os títulos regulados polo RD 1193/2007, de 29 de outubro, a oferta máxima no plano de estudos non superará os 276 créditos ECTS.

No caso de títulos de grao que resulten de varios títulos actuais sería posible incluír itinerarios diferenciais debidamente xustificados, se o número de alumnos actuais o xustificara. En todo caso o número de itinerarios nunca será superior ao número de títulos actuais que conflúen no novo título de grao e a parte curricular diferenciada de cada itinerario estará constituída por unha oferta específica de entre 60 e 120 créditos.

A reforma debe servir para mellorar a oferta académica e adaptar a metodoloxía docente ás directrices de converxencia ao EEES. Este cambio de metodoloxía debe ir parello coa mellora e intensificación dos sistemas de avaliación continua que seguramente conducirán a un cambio de datas nas convocatorias actuais de exames finais sen que isto supoña unha diminución das oportunidades dos alumnos e alumnas para superar a materia.

3.4. Presentación das propostas e calendario de implantación

Para facilitar o traballo de coordinación entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as Universidades, establecese como calendario orientativo para o desenvolvemento desta primeira fase de adaptación o seguinte:

1. Poderán adaptarse e solicitar a verificación para implantar no curso 2008-09 as titulacións que se imparten nun único campus e cumpren plenamente os requisitos de viabilidade que se establecen neste documento.

2. Poderán adaptarse e solicitar a verificación para implantar no curso 2009-10 as restantes titulacións que cumpran os criterios (tanto os de demanda como os de especialización ou acordo entre universidades).

3. No curso 2010-11 rematarase o proceso de transformación da oferta actual do SUG coa implantación das titulacións que requiriron dunha análise especial.

Para o envío do Plano de Estudios ao Consello de Universidades para a súa verificación é necesario contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Esta solicitude de autorización previa ao envío para a verificación do Plano de Estudios deberá acompañarse dunha xustificación da transformación do título existente no novo título proposto e da documentación que se establece no Anexo I do borrador de Real Decreto.

Co fin de aproveitar as oportunidades que a reforma nos ofrece, o Consello Galego de Universidades recomenda que se faga unha implantación simultánea de toda a titulación ou de varios cursos. Esta implantación por bloques obriga a establecer previsións sobre o recoñecemento de créditos entre o plano vello e o novo que evite que os alumnos se vexan prexudicados.

4. Estudos oficiais de posgrao

O Decreto 66/2007, do 29 de marzo (DOG nº 73, 16 de abril de 2007) regula o procedemento e as condicións para a obtención, polas universidades do Sistema Universitario de Galicia, da autorización para impartir estudos oficiais de posgrao conducentes ao título de master ou doutor/a.

A implantación de ensinanzas universitarias integradas nun programa oficial de posgrao por parte das universidades galegas farase en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, e será autorizada pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 8.2 da LOU, previa avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e informe do Consello Galego de Universidades.

4.1. Requisitos

Os programas oficiais de posgrao que as universidades soliciten implantar, deberán cumprir os requisitos establecidos particularmente no Real decreto 557/1991, do 12 de abril.
A fin de garantir unha oferta equilibrada, de calidade e con pertinencia para Galicia ditos programas deberán reunir determinados requisitos, entre os que cabe destacar:
a) Que oferten un número mínimo de prazas non inferior a 20 para os master profesionais ou académico-profesionais, e de 10 para os master de perfil académico-investigador e doutoramentos.
En todo caso a autorización da efectiva impartición a que fan referencia os artigos 4 e 35 da Lei orgánica 6/2001 queda condicionada ao cumprimento do requisito de que exista ese mesmo número mínimo de alumnos matriculados no curso académico no que se pretendan iniciar os estudios.
b) Que nos master de especialización profesional ou académicoprofesional polo menos o 50% dos créditos sexan impartidos por profesorado co título de doutor/a e nos de perfil académicoinvestigador polo menos o 90% dos créditos sexan impartidos por profesorado co título de doutor/a; neste caso, ademais, o profesorado responsable deberá posuír o título de doutor/a.